Coñécenos nunhas poucas palabras…
O Instituto Teolóxico “San Xosé” de Vigo ten a súa orixe no Seminario Conciliar erixido, para a formación espiritual e académica dos seminaristas diocesanos, polo bispo frei Francisco García Casarrubios e Melgar, o 1 de outubro de 1850 no antigo convento franciscano de San Antonio da cidade de Tui.
Co paso do tempo, e a pesar das numerosas obras de acomodación e ampliación das instalacións, estas acabaron por resultar insuficientes para acoller aos todos os aspirantes ao sacerdocio. Isto determinou a necesidade de construír un novo edificio para os seminaristas maiores na cidade de Vigo, quedando o edificio de Tui como seminario menor, pasándose a chamar Seminario Menor “San Pelayo”.
O Seminario Maior “San Xosé” de Vigo foi inaugurado o 16 de outubro de 1959 polo bispo diocesano, frei José López Ortiz, no mesmo ano en que a antiga diocese de Tui convertíase na diocese de Tui-Vigo en virtude da bula Quemadmodum impiger do Papa Xoán XXIII.
No curso 1999-2000, ao amparo do Seminario Maior, comeza a súa andaina o Instituto Teolóxico “San Xosé” de Vigo, centro afiliado á Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca. Desexábase que os estudos realizados no Seminario tivesen o rango de estudos universitarios, podendo os alumnos acceder ao Bacharelato en Teoloxía (Licenciatura en Estudos Eclesiásticos).
O 6 de maio de 1999, o bispo de Tui-Vigo, D. José Diéguez Reboredo, solicitou a afiliación á Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca, sendo esta concedida, segundo decreto da Congregación de Educación Católica (N. 225/2000), o 7 de marzo de 2000. Dita afiliación foi posteriormente renovada o 22 de novembro de 2005; e unha vez finalizado o quinquenio, renovada de novo para un terceiro período, o 4 de setembro de 2012.
Desde entón, numerosos alumnos, incluídos algúns sacerdotes diocesanos, obtiveron o grao de Bacharelato en Teoloxía no noso Instituto.
O primeiro director, elixido a proposta do claustro de profesores, foi o Prof. Dr. D. Xullo Andión Marán (2000-2006), a quen seguiu o Prof. Lic. D. Clodomiro Ogando Durán (2006-2009), o Prof. Dr. D. Guillermo Juan Morado (2009- 2015) e o Prof. Dr. D. Antonio Menduiña Santomé (2015-actualidade).
Desde 2008 publícase Telmus. Anuario do Instituto Teolóxico/Seminario Maior San Xosé, unha revista que, cos seus estudos, comentarios, recensión e recensións convértese, dalgún modo, en portavoz da actividade do noso Centro.
No curso 2012-2013, e por iniciativa do Sr. Bispo diocesano, D. Luis Quinteiro Fiuza, o noso Instituto Teolóxico organizou o primeiro Curso de Formación Teolóxica para Sacerdotes, en colaboración coa Vigairía do Clero. Este curso ten como finalidade ofrecer unha formación permanente, orgánica e continua, que contribúa á actualización teolóxica dos sacerdotes, proporcionándolles elementos teolóxicos para orientar a súa práctica pastoral.
No presente curso 2013-2014, pretendemos poñer en marcha, e para iso estanse dando os pasos oportunos, un centro teolóxico de formación para laicos; cun nivel universitario e na modalidade presencial. A oferta destes cursos estará orientada, preferentemente, á obtención da Declaración Eclesiástica de Competencia Académica (DECA).